O-Xan, o grupo de opinión para a xestión dialogada do lobo en Galicia, presenta o seu blog, unha ferramenta a disposición de todos para difundir as nosas opinións, froito do debate de toda a xente que participa nel.

3/8/18

Modelo da Xunta de Galicia para solicitar batidas e esperas por danos de xabaril, corzo, cervo, raposo e lobo





D.O.G. Nº 102 do 30/5/2018: RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2018/19.

TÍTULO IV

Medidas de control por danos

Artigo 13. Danos producidos pola caza

1. Co fin de reducir os danos que se poidan producir na agricultura, na gandaría, na silvicultura, na circulación viaria, na flora e fauna silvestres, os servizos provinciais de Conservación da Natureza poderán acordar medidas de control. Estas medidas adoptaranse logo de que os/as axentes de Conservación da Natureza, seguindo directrices expresamente establecidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, comproben os danos existentes.

2. As principais medidas de control fronte aos danos por especies que se poderán adoptar son as seguintes:

a) Lobo (Canis lupus): por danos constatados desta especie, poderanse autorizar esperas, batidas e montarías durante todo o ano, salvo nos meses de abril, maio e xuño, en que unicamente se poderán autorizar esperas. A existencia de danos deberá ser comunicada ao Servizo Provincial de Conservación da Natureza co fin de proceder á súa comprobación, como requisito previo á autorización da práctica cinexética sobre esta especie. As persoas solicitantes de cada batida, montaría ou espera autorizadas deberán informar dos seus resultados, por escrito, o servizo provincial de Conservación da Natureza correspondente nun prazo máximo de cinco días hábiles seguintes ao da súa realización. O incumprimento deste requisito poderá supoñer a denegación doutras solicitudes e a anulación automática das xa autorizadas. En todo caso, observarase o disposto no plan de xestión desta especie aprobado polo Decreto 297/2008, do 30 de decembro.

As solicitudes de autorización de medidas de control nos terreos incluídos nas zonas de xestión 1 e 2 do Decreto 297/2008, do 30 de decembro, serán resoltas pola persoa titular do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; á persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural corresponderalle resolver as solicitudes de autorización de medidas de control nos terreos incluídos na zona de xestión 3 do Decreto 297/2008, do 30 de decembro.

b) Xabaril (Sus scrofa):

1. Co fin de reducir os danos producidos por esta especie, tras comprobarse a existencia daqueles, os servizos provinciais de Conservación da Natureza poderán autorizar a realización de batidas, montarías e esperas. As solicitudes deberán presentarse a partir da detección dos danos, de modo que permita a súa comprobación polo servizo provincial correspondente. As persoas titulares dun Tecor tamén poderán solicitar a adopción destas medidas de control nas zonas de adestramento para cans e aves de cetraría e zonas de vedado que teñan autorizadas. As persoas solicitantes das batidas, montarías ou esperas autorizadas deberán informar por escrito dos seus resultados o servizo provincial de Conservación da Natureza correspondente, nun prazo máximo dos 10 días seguintes á súa realización. O incumprimento deste requisito poderá supoñer a non autorización de máis batidas, montarías ou esperas e a anulación automática das xa autorizadas.

2. Nos concellos que se relacionan no anexo IV desta resolución, as autorizacións de caza por danos realizaranse de xeito inmediato, aínda que non será preceptiva a súa comprobación, sen prexuízo das comprobacións que poidan efectuar os servizos de Conservación da Natureza.

Por petición do/da titular do Tecor, os exemplares capturados nas actuacións cinexéticas autorizadas por danos non serán tidos en conta no cómputo da cota anual de capturas.

c) Corzo (Capreolus capreolus) e cervo (Cervus elaphus): co fin de reducir os danos producidos por estas especies, poderase proceder de igual forma que no indicado na letra

b).1 anterior para o xabaril, incluíndo a modalidade de axexo.

d) Raposo (Vulpes vulpes): co fin de reducir os danos producidos por esta especie, poderase proceder de igual forma que no indicado para o caso do corzo e do cervo.

3. Para os danos producidos polas especies indicadas nas alíneas a), b), c) e d) do punto anterior, en terreos cinexéticos de réxime especial as solicitudes serán formuladas polo/a titular do dereito de aproveitamento. En terreos de aproveitamento cinexético común as solicitudes serán formuladas pola persoa ou persoas prexudicadas polos danos detectados, e cando os danos sexan xeneralizados, as persoas titulares do órgano territorial de dirección competente en materia de conservación da natureza, por petición motivada dos concellos afectados e logo do informe técnico do Servizo Provincial de Conservación da Natureza, poderán autorizar a caza mediante as modalidades e medios que consideren máis adecuados, establecendo as condicións particulares para levar a cabo a cazaría. As persoas participantes nestas cazarías serán determinadas polos concellos mediante un sorteo público entre os/as cazadores/as que o soliciten, e darase prioridade ás persoas propietarias dos bens afectados.

No caso do lobo (Canis lupus) observarase, en todo caso, o establecido no plan de xestión aprobado para esta especie.

4. A persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural poderá establecer, mediante unha resolución motivada, limitacións temporais á adopción destas medidas de control co fin de evitar alteracións nas poboacións de fauna silvestre e non interferir na súa cría e reprodución. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza, neses casos, prestarán asesoramento técnico ás persoas afectadas polos danos para a adopción de medidas alternativas de prevención e protección para as persoas ou na agricultura, na gandaría, nos montes ou na flora e fauna silvestres.

5. A carne das pezas de caza reguladas no punto 2 deste artigo, que se abatan como consecuencia da adopción de medidas de control, poderá ser obxecto de venda ou comercio.

6. As pezas de caza maior que se abatan como consecuencia da adopción de medidas de control, deberán ser identificadas mediante precintos que serán facilitados pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de balde e deberán colocarse nas pezas de caza antes de ser transportadas fóra do terreo en que se realizou a cazaría, de xeito que non poidan quitarse sen alteralos ou destruílos. As matrices dos precintos utilizados, así como os que non sexan empregados, achegaranse ao correspondente servizo provincial de Conservación da Natureza, xunto cos resultados das cazarías.